Vigo, 22/05/2002 O Consello de Ministros aprobará o próximo venres a chamada 'Lei do botellón'O Consello de Ministros do próximo venres aprobará o anteproxecto da Lei básica para a prevención do consumo de alcol, segundo anunciou onte o delegado do Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas, Gonzalo Robles. O responsable do plan presidiu o Encontro Nacional de Coordinadores en materia de Drogas da Unión Europea que se celebra en Salamanca no marco de actividades da Presidencia Española.Anque non se encontraba na orde do día, o tema sobre a lei que limitará o consumo de alcol nas rúas xurdiu a iniciativa da delegada francesa, Nicole Maestracci, presidenta da Misión Internacional da loita contra as toxicomanías do país galo, único da UE que ten unha normativa deste tipo, e que foi referente na elaboración da polémica e comunmente denominada 'Lei do botellón'. Exemplo francésSegundo explicou Robles en rolda de prensa, a delegada francesa sinalou a "falta de conciencia'' por parte dos países da Unión á hora de afronta-lo problema do consumo de alcol, tendo en conta que é unha substancia legal. Por iso, destacou a necesidade de fortalece-los programas sobre estes tipos de políticas, especialmente nos países candidatos a formar parte da UE. Nesta liña e seguindo o exemplo francés, o anteproxecto que aprobará o Consello de Ministros do próximo venres, indicou Robles, fará especial fincapé en evita-lo consumo de alcol por parte dos menores de idade, prohibindo a súa inxesta na vía pública. Ademais, fortalecerá as liñas de prevención de cara ás bebidas de alta graduación o consumo das cales, apuntou, é precisamente o que máis aumentou neste treito de idade. Ademais, o Goberno séntese "especialmente apoiado'' polas directrices fixadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS) nesta materia. Este órgano internacional, anunciou Robles, presentará dentro de dous meses un informe no que previsiblemente instará os Gobernos a non distinguir entre drogas legais e ilegais, así como a fortalece-los controis na publicidade das bebidas alcólicas así como as políticas, dirixidas ós menores.
Más noticias de este mes | Último mes | Índice general de noticias |