Santiago, 17/05/2002 O ruído pon en perigo a estabilidade da poboación no corazón da zona vella compostelánMOITOS RESIDENTES NA AMÉNDOA HISTÓRICA PENSAN NA FUXIDA A OUTROS BARRIOS DEBIDO ÓS PROBLEMAS DE SAÚDE FÍSICA E MENTAL QUE PROVOCA A MOVIDA NOCTURNA, QUE INCLUSO OBRIGA A ALGÚNS AFECTADOS A RECIBIR TRATAMENTO PSICOLÓXICONenos con baixo rendemento escolar, familias que foxen ás aforas para poder durmir, traballadores que madrugan despois de noites en vela, persoas maiores enfermas sometidas a un estrés continuo. O déficit de aparcamento, servicios e equipamento da améndoa monumental convertéronse en minucias en comparación co ruído. Ese é o gran pesadelo dos residentes no corazón da zona vella e o principal motivo do estancamento á baixa da poboación, que contrasta cos datos optimistas ofrecidos antonte pola edil Encarna Otero sobre o conxunto do núcleo histórico.Segundo a concelleira do Núcleo Histórico, Encarna Otero, a zona vella vive un proceso de recuperación demográfica desde a posta en marcha dos planeamentos municipais. A edil asegurou que nos últimos nove anos se recuperaron preto de 4.000 habitantes. Uns datos dos que non dubida o presidente da asociación Compostela Vella. Non obstante, José Antonio López matiza que eses datos positivos corresponden unicamente a barrios do contorno da améndoa monumental, xa que no corazón da zona vella non só non aumentou a poboación senón que sofre un estancamento á baixa. En canto ós motivos dese fenómeno, o dirixente veciñal lembra, tal como recoñeceu Encarna Otero, que existe un déficit de servicios como os centros de saúde e da terceira idade. Tamén se perpetúa o problema do aparcamento —coa eterna reivindicación de zonas exclusivas para residentes aínda flotando no aire— ou a excesiva especialización do comercio cara ó turismo. Sen embargo, José Antonio López sostén que todos eses obstáculos quedan pequenos en comparación co cada vez máis grave problema do ruído, sobre todo na zona norte, onde se concentra a maioría dos pubs. Unha familia que tiña a súa residencia na zona vella, ó lado do seu establecemento de hostalería, tivo que marchar hai uns meses porque "non aguantabamos, non pegabamos ollo ata as seis da mañá tódolos días da semana''. Pese a ter un piso en propiedade e o seu negocio na mesma rúa, fuxiron ás aforas, co conseguinte esforzo económico e gastos en desprazamento. Outro matrimonio, xa maior, que reside enriba dun pub, vive un auténtico pesadelo. "Eu lévoo mellor pero ó meu marido férvelle o sangue cando empeza a escoita-lo ruído, xa se enfrontou máis dunha vez ós rapaces e a min dáme moito medo que nos fagan algo'', laméntase a muller. Outra preocupación cada vez maior é a dos pais de nenos pequenos. A filla dunha muller que está a tratamento médico por dores de cabeza debido á falta de sono cada vez chega ó colexio máis cansa. A nena ten once anos e a penas dorme "porque é moi sensible ós ruídos''. Hai casos máis graves, con rapaces que precisan tratamento psicolóxico debido ós trastornos que lles provoca este insomnio obrigado que nalgúns casos teñen que combater con fármacos.
Más noticias de este mes | Último mes | Índice general de noticias |